Día 21 - Caldo de Gloria / O segredo da illa negra

Hoxe en Lendo a Agustín Fernández Paz...
O segredo da illa negra grazas a María, Alicia, Iria, Noa, Ainoa, Sara e Paula do IES Perdouro de Burela.




Caldo de Gloria!!!


1. Como xa vimos onte, o venres 24 de febreiro faranse 180 anos do nacemento da nosa insigne poeta Rosalía de Castro, e nós queremos unirnos á iniciativa da Fundación Rosalía de Castro para para celebrar o día de Rosalía. Este ano ímolo conmemorar facendo un “Caldo de Gloria” . Como podes ler no seguinte artigo:


Esta iniciativa está inspirada no poema de Rosalía ‘Miña casiña, meu lar’



Miña casiña, meu lar,
cantas onciñas
de ouro me vals.

Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pé e perna,
sin comer nin almorzar.
Polo camiño atopaba
ricas cousas que mercar
i anque ganas tiña delas
non tiña para as pagar.
Nos mesóns arrecendía
a cousas de bon gustar,
mais o que non ten diñeiro
sin elas ten que pasar.
Fun chegando á miña casa
toda rendida de andar;
non tiña nela frangulla
con que poidera cear.
A vista se me varría
que era aquel moito aunar.
Fun á porta dun veciño
que tiña todo a fartar;
pedinlle unha pouca broa
e non ma quixo emprestar.
As bagullas me caían
que me fora a avergonzar.
Volvinme á miña casiña
alumada do luar;
rexistrei cada burato
para ver de algo atopar:
atopei fariña munda,
un puñiño a todo dar.
Vino no fondo da artesa,
púxenme a Dios alabar.
Quixen alcende-lo lume,
non tiña pau que queimar.
Funllo a pedir a unha vella,
tampouco mo quixo dar
si non era un toxo verde
para me facer rabiar.
Volvín triste coma a noite
a chorar que te chorar.
Collín un feixe de palla,
do meu leito o fun pillar.
Rexistrei polo cortello
mentras me puña a rezar
e vin uns garabulliños
e fieitos a Dios dar.
Meu San Antón milagroso,
xa tiven fogo no lar!
Arrimei o pote ó lume
con augua para quentar.
Mentras escaravellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo da fertuna...
Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar.
Máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar
e ca fariñiña munda
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar,
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar.
Despois que o tiven comido,
volvín de novo a rezar
e despois que houben rezado
puxen a roupa a secar,
que non tiña fío enxoito
de haber tanto me mollar.
Nantramentras me secaba
púxenme logo a cantar
para que me oíran
en todo o lugar:

Meu lar, meu fogar,
cantas onciñas
de ouro me vals.
  
Neste poema a nosa poeta explica como facer un caldo humilde. Ensínanos como sobrevivir na vida diaria, onde se pode ser feliz sen ter case nada. Este caldo de Rosalía simboliza a épica dos humildes, a súa afouteza diante das adversidades da vida. E nós somos valentes, ousadas e ousados e non nos mete medo facer un caldo; porque “o que non quere unha cunca de caldo,  danlle dúas” ou se collemos a versión do refrán da zona sur de Galiza “o que non quere unha cunca de caldo, danlle sete”... ;)



Como boas galegas e como bos galegos non podemos deixar de celebrar unha festa sen unha boa comida, unha boa “paparota”, un manxar de deuses, o noso caldo.
Para facer o caldo podes empregar as instrucións que Rosalía dá no seu poema ou a receita entre moitas outras, que fai Picadillo xa en 1905. Pero seguro que podes facer o caldo como o fan na túa casa, porque quen non fai no inverno ou en calquera época do ano, na”miña casiña, meu lar” un bo caldo?
Despois de gozar de ten divino manxar, fai un vídeo onde nos indiques como fas ti ou fan na túa casa o caldo. Tamén podes compartilo nas redes sociais cos seguintes cancelos #CaldodeGloria #DíadeRosalía uníndote deste xeito á iniciativa da Fundación Rosalía de Castro.

2. Parece que foi onte cando empezamos...
Xa sei que estades tristes porque rematan por este ano os 21 días co galego,  todo o bo dura pouco... Pero non vos preocupedes, porque para o ano haberá máis e mellor!
Como di o poema de Kavafis “Ítaca” agora xa sodes un pouco máis sabios e comprendedes algo máis dos significados das Ítacas. A moitas e moitos de vós xa vos soa este poema porque é o nome do blogue do noso compañerio, o profesor Xosé Fernández Maneiro, para o alumado de Xeografía e Historia do noso instituto.

 ‘Ítaca’
Cando comeces a túa viaxe a Ítaca
pide que o camiño sexa longo,
pleno de aventuras, pleno de experiencias.
Aos Lestrigóns e aos Ciclopes,
ao irado Poseidón non temás:
nunca atoparás criaturas tales na túa ruta
se mantés  o pensamento elevado, se unha
selecta emoción o teu corpo e espírito ilumina.
Aos Lestrigóns e aos Ciclopes,
ao feroz Poseidón non acharás.
Non, se non é a túa alma a que os alberga;
non, se non é ela a que chos mostra.

Pide que o camiño sexa longo.
Que sexan moitas as mañás de estío
que -con que pracer e ledicia!-
te conduzan a portos nunca vistos;
detente ante os mercados fenicios
e adquire as mellores mercancías,
madreperlas, corais, ámbar e ébano,
e toda sorte de perfumes sensuais,
tanta variedade deles como atopes;
vai a moitas cidades de Exipto
e aprende canto poidas dos seus sabios.

E leva sempre Ítaca na túa mente.
Ela é a túa meta, o teu destino.
Mais non apresures nunca a túa viaxe.
É mellor que dure moitos anos
e recales na illa sendo vello,
rico de canto acadaches no camiño,
sen agardar que Ítaca te enriqueza.

Ítaca xa che deu tan fermosa viaxe.
Sen ela, nunca emprenderías o camiño.
Que máis pode ofrecerche?
E se a atopas pobre, non é que Ítaca te enganase.
Sabio como serás e con tanta experiencia
ben comprenderás o significado das Ítacas.
Konstantinos Kavafis
Tradución de Yolanda Vilarchao,
Editorial Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 2007.

Como vedes, neste poema identifícase a viaxe a Ítaca coa nosa propia viaxe, o noso camiño, a nosa vida. Kavafis comeza o poema deste xeito: 
Cando comeces a túa viaxe a Ítaca
pide que o camiño sexa longo,
pleno de aventuras, pleno de experiencias.”

Isto mesmo é o que nós queremos, que a vosa longa viaxe, camiño, vida, estea chea de aventuras e experiencias que vos fagan máis sabias e sabios e que vos axuden a ter unha visión máis precisa e global do mundo e ao mesmo tempo de vós mesmos. Porque o importante é o camiño e o que aprendemos ao logo do seu percorrido. Esperamos que aprenderades moitas cousas sobre a nosa lingua e sobre moitas outras cousas... porque xa sabedes que: “día que non aprendo algo novo, día perdido”.
Aquí podedes ver o vídeo da  canción “Viatge a Ítaca” de Lluis Llach.



Reflexionemos sobre o xa feito.

- Como foi o día de hoxe?
- Como che foron os teus tres retos particulares.
- Xa van aló os 21 días co galego, crías que ía ir mellor ou peor?
- Cres que melloraches algo?
- Se tiveses que poñerte unha nota, cal sería?
Xustifica as túas respostas

E xa sabes,  continúa falando galego arreo!!!
É a túa terra, é a túa lingua!


O nome dos arquivos de hoxe son:


identificación_día_21_01 (para a actividade)
identificación_día_21_02 (para a reflexión)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

E ti que dis?