Presentación


21 días co galego volve outro ano máis pretendendo coma sempre que os participantes adquiran unha maior competencia no noso idioma.

Como de costume levarase o galego a todos os aspectos da vida cotiá con diferentes actividades e temas variados.

Esta experiencia ten dous obxectivos principais:


  1. Un aumento do uso da lingua galega así como o seu perfeccionamento.
  1. Provocar unha reflexión íntima e persoal dentro dos participantes da actividade sobre o idioma galego e a nosa relación coas linguas que falamos ca un de nós.


O proxecto xurdiu no ano 2013 para alumnado de 2º de ESO e 1º de bacharelato, coa súa primeira edición organizada por Pilar Ponte.

A partir dese ano fixéronse xa 4 edicións deste proxecto coa participación do Departamento de Lingua e Literatura Galegas dirixindo a actividade a todo o centro educativo.

Na edición de 2015 este proxecto recibiu un premio de Innovación en Proxectos de Dinamización Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

No ano 2016, por primeira vez a actividade é deseñada e desenvolvida polo alumnado de primeiro de bacharelato dentro do marco da aprendizaxe por proxectos.

No ano 2017 introdúcense por primeira vez as actividades colectivas de retos de aulas para facer a actividade máis divertida e colaborativa para o alumnado. Nesta edición lévase a cabo tamén a actividade Lendo a Agustín Fernández Paz na honra do que foi o padriño da primeira edición. 

No ano 2018 continuaremos as liñas das edicións anteriores e centraremos o noso interese nas linguas do mundo, nos prexuízos lingüísticos, nas variantes dialectais e no ecolingüismo. Asemade desenvolveremos dúas iniciativas relacionadas coa lectura, 21 lecturas dende A Pobra e 21 ondas poéticas (recompilación de poesías de todas as épocas que rexistran a presenza do mar, o tema dos proxectos no noso instituto no curso académico actual).







3 comentarios:

  1. E ti que dis?
    Pois... que podemos dicir?! Que é un traballo xenial. Que acabamos de descubrir unha magnífica fonte de recursos. Que nesta páxina encontramos moito alento.
    Moitos parabéns e moitas grazas desde Burela, co Mar ao Norte (como dicía Cunqueiro).

    ResponderEliminar
  2. Unha iniciativa moi inspiradora e que desde o Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense de Madrid as persoas encargadas da docencia seguimos moi de perto con curiosidade e afán de aprender desde hai un tempo. Hoxe atrevémonos a sumarnos aos parabéns, merecidos, polo bo traballo e a orixinalidade da proposta e deseño. Oxalá algún día poidamos facer algo semellante para o noso alumnado universitario, moi motivado pero ao que lle resulta moi complexo atopar espazos onde "darlle á lingua" aquí na capital. Apertas e mil grazas por abrir camiño.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas, inexplicablemente este comentario quedou sen responder tres anos. Saúdos.

      Eliminar

E ti que dis?